A Fundación Xosé Neira Vilas constituiuse en 1993 a partir da rehabilitación da casa natal do escritor, quen previamente lla doara á Xunta de Galicia co obxectivo de crear unha biblioteca pública. Naceu así o chamado Centro Cultural de Gres, que axiña vai acadar a consideración de fundación de interese galego e que, dende un primeiro momento, realizou toda unha diversidade de actividades de promoción cultural, con especial atención aos usuarios e usuarias da citada biblioteca, ademais de presentación de libros, conferencias ou recitais de música.
Xunto con todo o anterior, hoxe o seu obxectivo principal é a conservación e a difusión do legado cultural de Neira Vilas e de Anisia Miranda. Convertido, xa que logo, en centro de estudos da obra literaria de ambos os dous escritores, a fundación garda manuscritos, correspondencia, fotografías e obras de arte. Á súa vez, conta cunha ampla colección de pezas que conforman o seu museo etnográfico.