O 15 de novembro remata o prazo para a recepción de orixinais que concorran a esta terceira edición do Premio Arume de Poesía para a Infancia, que organizan conxuntamente a Fundación Xosé Neira Vilas, GALIX e Deleite. O galardón conta cunha dotación de 1000 euros e será publicado por Edicións Embora. As obras candidatas, de temática libre e acaída para un publico infantil e xuvenil, terán unha extensión mínima de 350 versos e poderán conformar un só poema ou un grupo de poemas. A entrega do premio terá lugar o 13 de decembro de 2024.
Na edición anterior foi premiada a proposta Versos (a)variados, de Pablo Nogueira, namentras que na de 2022 concedéuselle o galardón á obra Os versos da Mariola, de Antón Cortizas.
O Premio Arume de Poesía para a Infancia súmase aos que xa convoca a entidade de Gres: o Premio Anisia Miranda de Teatro para a Infancia e o Premio de Literatura Xuvenil, cuxo prazo para a recepción de orixinais está aberto ata o 3 de novembro. O Arume de Poesía fora creado por Xosé Neira Vilas e Anisia Miranda coa finalidade de apoiar a poesía infantil e que tivo a súa primeira edición hai máis de vinte anos. Foi, no seu momento, o único certame de poesía para a infancia en Galicia, feito que lle confería un brillo especial (e dúas décadas máis tarde continuaría a selo). A poesía, dentro da literatura infantil, é un dos xéneros (xunto co teatro) que conta cun menor número de títulos publicados. Búscase, daquela, compensar este desequilibrio que, co reforzo do patrocinio, facilite unha maior presenza da poesía dentro do sistema literario galego.
As bases están dispoñibles AQUI