Memorias dun neno labrego en versión teatral
- Detalles
Con adaptación e dirección de Cándido Pazó, Memorias dun neno labrego chega aos escenarios teatrais nesta nova versión cando se cumpren dez anos do pasamento de Xosé Neira Vilas. O Salón Teatro, de Santiago de Compostela, acolle este espectáculo o vindeiro 8 de xaneiro, nunha produción do Centro Dramático Galego e a compañía Contraproducións.
O elenco de intérpretes está composto por Xúlio Abonjo, Santi Romay, Manuel Cortés, Federico Pérez Rey, Iris Darriba, Mónica García e Ana Santos. Completan o equipo de profesionais técnicos: Pablo Giráldez "O Pastor", na escenografía e atrezzo; Martina Cambeiro, no vestiario; Xosé Lois Romero, na música; Alfonso Castro, na iluminación e Belén Pichel, como axudante de dirección.

POEMAS CON ALAS !!!, DE PAULINO PEÑA ÁLVAREZ, PREMIO ARUME DE POESÍA PARA A INFANCIA
- Detalles
O poeta ourensán Paulino Peña Álvarez, co poemario Poemas con alas !!! é o gañador do Premio Arume de Poesía para a infancia neste ano 2025, organizado conxuntamente pola Fundación Xosé Neira Vilas, a empresa Deleite (do grupo Leite Noso) e a asociación GÁLIX.
O xurado destacou neste poemario, o interese do autor por espertar o gusto pola poesía e, nomeadamente, polos poetas galegos, pois parte de fragmentos de creacións destes autores e autoras como entrada ás súas. Salientou, tamén, a marcada musicalidade, un ritmo poético moi conseguido, imaxes moi atractivas e unha destacada carga visual, ademais da linguaxe coidada e comprensible ao alcance da infancia e con temas próximos ao mundo infantil. O autor establece unha serie de xogos coa polisemia e outros recursos que buscan a implicación do lectorado, respondendo a adiviñas ou completando versos.

CONVOCADO O II PREMIO XOSÉ NEIRA VILAS DE LITERATURA XUVENIL
- Detalles
A Fundación Xosé Neira Vilas e a Editorial Galaxia, coa colaboración da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia, convocan a segunda edición do premio que leva o nome do autor de Memorias dun neno labrego. Trátase dunha iniciativa que ten como obxectivo estimular a creación literaria, fomentar a lectura en lingua galega e proporcionar ao público xuvenil obras de calidade que o acheguen aos mundos da ficción e a imaxinación da novela.



