O Premio Arume de Poesía para a Infancia foi creado por Xosé Neira Vilas e Anisia Miranda coa finalidade de apoiar a poesía infantil e que tivo a súa primeira edición hai xa vinte anos. Retómase agora como unha iniciativa conxunta entre GÁLIX (Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil), a empresa Deleite e a Fundación Xosé Neira Vilas
Foi, no seu momento, o único certame de poesía para a infancia en Galicia, feito que lle confería un brillo especial (e dúas décadas máis tarde continuaría a selo). Nel participaron escritores e escritoras consagradas, e tamén noveis.
No tocante a GÁLIX, sección galega da OEPLI (Organización Española para el Libro Infantil y Juvenil) e representación do ámbito lingüístico galego no IBBY (International Board on Books for Young People), recolle entre as súas finalidades a “visibilización” do libro infantil e xuvenil en galego, e dentro deste obxectivo, o de promover aqueles xéneros que por diferentes razóns resultan “minorizados” no campo da edición comercial.
A poesía, dentro da literatura infantil, é un dos xéneros (xunto co teatro) que conta cun menor número de títulos publicados; por esta razón, GÁLIX tenta compensar este desequilibrio por medio de diferentes medidas que poidan servir de reforzo e patrocinio, facilitando así unha maior presenza da poesía e posibilitando un equilibrio necesario dentro do sistema literario galego.
Neste momento, a Fundación Xosé Neira Vilas e GÁLIX, suman esforzos para manter vivo o certame literario, xa que contan co patrocinio de Deleite, unha empresa galega recoñecida polo seu compromiso coa calidade do seu produto, mais tamén coa identidade do mesmo, coa lingua e coa cultura, coa nosa literatura, co noso cinema, co noso teatro, coa nosa música e con todas e cada unha das actividades e proxectos nos que a combinación sexa cultura / lingua galega – infancia / xuventude.
Fundación Xosé Neira Vilas, GÁLIX e Deleite, propoñen a recuperación e continuidade do “Premio Arume de Poesía para a Infancia” e fano xustamente o 21 de marzo de 2021, Día da Poesía.
NA SEGUINTE LIGAZÓN PODERANSE DESCARGAR AS BASES DO PREMIO: BASES (Arquivo pdf)
Ao longo do seu percorrido, no premio Arume de poesía resultaron premiados os seguintes traballos e creadores:
- 2001. Lúa de pan, de Xosé María Álvarez Cáccamo.
- 2003. A praia dos lagartos, de Helena Villar Janeiro.
- 2005. Abracadabras, de Marica Campo.
- 2007. Os cantos da rula, de Concha Blanco.
- 2009. A princesa de Taramundi de Xoán Babarro.
Mencións: Rosalía Morlán Viéitez
A coitada lúa
María Canosa Blanco
A porta dos soños
- 2011. Patente de corso, de Rafa Villar.
Mencións: Iolanda Castaño
Verdedades
Alberto Calvín Corredoira
Flor de abruñeiro
- 2013. Cantigas para volver a soñar, de María Xosé Lamas.
Mencións: Antón Cortizas
Cando as follas voan
María Canosa
O libro dos medos que non o son
Xosé Luna Sanmartín
Versos e bicos
- 2015. Soños de nenos de Mónica Inés Varela Gestoso.
- 2021. Ramón D. Veiga por Parapluie e Manuel López Rodríguez por A flor da letra
- 2022. Os versos da mariola, de Antón Cortizas
- 2023. Versos (a)variados, de Pablo Nogueira Campo