- Detalles
Os versos da mariola reivindica o xogo tradicional a través da poesía, unha sorte de brincadeira coa palabra poética como vehículo para achegarse a un encontro entre a rapazada, máis alá da tecnoloxía ou as pantallas que predominan no tempo de vagar da infancia de hoxe en día. Trátase dunha proposta lúdica, atraínte por orixinal e pola riqueza da linguaxe. Así o salientou o xurado, composto por Xosé Antonio Perozo, presidente de GALIX, Rosalía Morlán e Pilar Sampedro, en representación, ambas as dúas, da Fundación Xosé Neira Vilas. O Premio Arume é unha iniciativa conxunta da Fundación Neira Vilas, a empresa Deleite e a asociación GALIX, con Embora como empresa editora dos libros premiados. A entrega do premio terá lugar no auditorio Xosé Neira Vilas da Cidade de Cultura o 16 decembro ás 18.00 h.
- Detalles
O xurado da sétima edición do Premio Xosé Neira Vilas de Novela Curta decidiu por unanimidade, conceder o galardón á obra Cristais rotos, de Álvaro Domínguez. O xurado, composto por Juan Andrés Fernández, Rosalía Morlán e Armanda Requeixo, argumentou a súa decisión na forza narrativa dun relato que mergulla ao lector nas vivencias duns personaxes que beirean a traxedia, que profundan nas luces e sombras dunhas vidas golpeadas polo destino. Asimesmo, salientou a habelencia na orquestración estrutural da obra, na que conflúen tramas alternas e complementarias, escritas cunha prosa brillantemente perfilada de diálogos áxiles e cheos de verosimilitude.
- Detalles
O vindeiro luns, 17 de outubro ás 17.00 h., conmemoramos un ano máis o Día das escritoras, en colaboración coa Biblioteca Nacional. "Trece anos lembrando a Anisia" será o lema baixo o que homenaxearemos a figura e obra de Anisia Miranda. O cemiterio parroquial de Gres acollerá unha ofrenda floral e a lectura de textos, algúns inéditos, da autora cubana.
- Detalles
A poeta e editora Antía Otero protagoniza o domingo 25 de setembro, ás 17.00 h., o Encontro Literario dedicado, desta volta, á poesía, que acolle a Casa do Romano, sede da Fundación, en Gres.
Autora de obras como O branco non pinta, (Retro)visor ou O cuarto das abellas, Antía Otero pertence a unha nova xeración de galegas que veñen destacando na creación poética dos últimos anos. Haberá ocasión de falarmos do proceso creativo, da súa faceta no eido da videopoesía e mesmo da súa amizade con Neira Vilas e Anisia Miranda.
- Detalles
A Fundación Xosé Neira Vilas xunto con GÁLIX (Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil) e co patrocinio de Deleite, convocan o Premio Arume de Poesía para a Infancia co obxectivo de recoñecer a calidade literaria de textos poéticos creados para nenos e nenas e fomentar a lectura de poesía entre este lectorado.
O prazo de admisión de orixinais remata o 3 de novembro de 2022, Día de Neira Vilas e Día do Lector e a Lectora. A entrega do premio terá lugar o 17 de decembro de 2022, Día da Edición.
A Fundación Xosé Neira Vilas, GÁLIX, suman esforzos para manter vivo o certame literario, xa que contan co patrocinio de Deleite, unha empresa galega recoñecida polo seu compromiso coa calidade do seu produto, mais tamén coa identidade do mesmo, coa lingua e coa cultura, coa nosa literatura, co noso cinema, co noso teatro, coa nosa música e con todas e cada unha das actividades e proxectos nos que a combinación sexa cultura / lingua galega – infancia / xuventude.
Páxina 5 de 11