- Detalles
A escritora Ledicia Costas estará na Fundación Xosé Neira Vilas o vindeiro 30 de xuño ás 18.00 h., nunha visita enmarcada nos Encontros Literarios en Gres, para compartir co público asistente a súa experiencia na escrita para o público
infantil e adulto, os seus métodos de traballo ou a pegada da obra de Neira Vilas na súa produción literaria.
Ledicia Costas é unha das autoras en lingua galega que máis éxito está acadando entre a crítica e o público lector nos últimos anos, como quedou demostrado, por exemplo, con títulos como Infamia (2019). Autora ou coautora de máis de 45 libros de literatura infantil e xuvenil, poesía e narrativa para persoas adultas.
Gañadora de 24 premios literarios, entre eles hai que salientar o Premio Nacional de Literatura infantil e xuvenil de España en 2015, pola obra Escarlatina, a cociñeira defunta e os tres Premio Lazarillo que recibiu polas novelas Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta, A balada dos unicornios e A lebre mecánica. O seu galardón máis recente é o Premio de Poesía Afundación, por Ultraluz, que lle foi concedido en 2022.
- Detalles
O Premio Anisia Miranda, que conta co apoio da Dirección Xeral da Xunta de Galicia, recaeu nesta edición de 2023 en Medo me dá!, de Ramón Domínguez Veiga. A obra gañadora presenta unha excelente construción dramática realizada con gran axilidade nos diálogos, dotada dun sentido do humor que, en todo momento, fixa o desenvolvemento da trama teatral. Así o salientou o xurado, composto polos membros do Padroado da Fundación Xosé Neira Vilas Pilar Sampedro e Miguel Anxo Fernán-Vello, xunto con poeta e dramaturgo Xosé Luna.
Ramón Veiga - Chile Estudio (2021)
- Detalles
O prazo para a recepción de orixinais remata o 15 de abril e a entrega está prevista para o 17 de maio, no marco do acto literario que a fundación de Gres organizará con motivo do Dia das Letras Galegas. O obxetivo deste galardón é o de estimular a creación teatral e procurar textos que poidan seren representados por nenas e nenos.
- Detalles
O vindeiro domingo, 26 de febreiro, ás 17:00 horas terá lugar unha nova edición dos Encontros Literarios en Gres. Desta volta, contaremos coa presenza do dramaturgo Carlos Labraña, recentemente galardoado co Premio SGAE de Teatro Infantil polo texto Mambrú volveu da guerra. A conversa será conducida por Montse Pena Presas, profesora de Didáctica da Lingua e da Literatura da Universidade de Santiago de Compostela, crítica literaria e comisaria da exposición "Unha árbore de historias. Cen anos de literatura infantil e xuvenil", que se pode visitar aínda na Cidade da Cultura.
- Detalles
O vindeiro sábado 28 de xaneiro ás 17:00 horas acollemos na sede da Fundación Xosé Neira Vilas un encontro co profesor Xesús Alonso Montero.
A charla, na que tamén intervirán o presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, xirará ao redor da correspondencia que o autor de Gres mantivo con persoeiros da cultura galega tales como Francisco Fernández del Riego, Manuel María, Ramón Piñeiro, Celso Emilio Ferreiro ou Isaac Díaz Pardo, entre outros. A parte musical do evento estará a cargo de Manoele de Felisa.
Páxina 4 de 12