O poeta ourensán Paulino Peña Álvarez, co poemario Poemas con alas !!! é o gañador do Premio Arume de Poesía para a infancia neste ano 2025, organizado conxuntamente pola Fundación Xosé Neira Vilas, a empresa Deleite (do grupo Leite Noso) e a asociación GÁLIX.
O xurado destacou neste poemario, o interese do autor por espertar o gusto pola poesía e, nomeadamente, polos poetas galegos, pois parte de fragmentos de creacións destes autores e autoras como entrada ás súas. Salientou, tamén, a marcada musicalidade, un ritmo poético moi conseguido, imaxes moi atractivas e unha destacada carga visual, ademais da linguaxe coidada e comprensible ao alcance da infancia e con temas próximos ao mundo infantil. O autor establece unha serie de xogos coa polisemia e outros recursos que buscan a implicación do lectorado, respondendo a adiviñas ou completando versos.

O xurado quere destacar a súa satisfacción pola cantidade de orixinais presentados e pola alta calidade dun bo número deles, concordando, finalmente, en que este pode ser un libro que fomente a lectura de poesía e a creatividade infantil.
Paulino Peña Álvarez, mestre xubilado, é Licenciado en Filoloxía Galega e Filosofía e Ciencias da Educación. Coordinador dos Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística de Ourense (2006-2010). A súa traxectoria como poetas inclúe, entre outros, galardóns como o primeiro Premio no X Certame de Poesía Francisco Añón, coa obra Rodopíos no encoro (Concello de Outes, 2006); o primeiro Premio no XI Certame de Poesía de Carral coa obra Gramática da afirmación (2008), o segundo premio no II Certame de poesía M. Leiras Pulpeiro de Mondoñedo coa obra Nas dársenas de estío (Concello de Mondoñedo, 2013).
O Premio Arume de Poesía para a infancia é unha iniciativa conxunta da Fundación Xosé Neira Vilas, a empresa Deleite (do grupo Leite Noso), unha empresa galega recoñecida polo seu compromiso con todas e cada unha das actividades e proxectos vencellados á cultura e a lingua galega, e GÁLIX, sección galega da OEPLI (Organización Española para el Libro Infantil y Juvenil)