
A homenaxe que cada ano tributa a fundación a Anisia Miranda terá lugar o luns 13 de outubro, ás 17.00 h., na sede da entidade en Gres. Uníndose á convocatoria feita pola Biblioteca Nacional con motivo do Día das Escritoras, e baixo o lema “16 anos lembrando a Anisia”, leranse textos de diversas autoras nas catro linguas do estado, ademais, por suposto, da propia homenaxeada. Ademais, o acto contará coa actuación musical do cantautor, e tamén escritor, Francisco Castro.
O 19 de outubro, o poeta e membro do Padroado da Fundación Xosé Neira Vilas, Miguel Anxo Fernán-Vello, conversará co tamén poeta Claudio Rodríguez Fer. Trátase dunha novo encontro enmarcado nos Cafés literarios que organiza regulamente a entidade de Gres. Nesta ocasión, cun coloquio arredor dos segredos da creación poética e dos temas e motivos que inspiran a produción lírica na nosa lingua.
A aldea de Gres, en Vila de Cruces, acolle por primeira vez un roteiro literario elaborado a partir da obra de Neira Vilas, a partir das mencións nas súas obras ou daqueles lugares que, dalgún xeito, inspiraron determinados espazos nas súas novelas e relatos. O roteiro, organizado pola Asociación Mestre Gacio, de Boqueixón, foi deseñado por María Luz Barreiro, profesora de lingua e literatura galega, veciña de Gres e boa coñecedora da obra de Neira Vilas. Ela mesma se encargará de guiar aos asistentes polos distintos emprazamentos nos que é posible atopar a pegada do autor de Querido Tomás. Será o 25 de outubro ás 16.30 h.
O Día de Neira Vilas, 3 de novembro ás 17:00 h., vaise facer, por segundo ano consecutivo, unha lectura ininterrumpida de Memorias dun neno labrego. Todos os asistentes a este acto terán ocasión de ler un fragmento deste libro inesquecible.
A Libraría Pedreira, en Santiago de Compostela, será escenario da presentación de Castelao en Cuba, libro reeditado recentemente pola Editorial Galaxia. Trátase dun exhaustivo traballo de investigación realizado por Neira Vilas no que documentou o paso de Castelao pola illa caribeña na procura de apoios para a causa republicana na Guerra Civil. Neste acto haberá un coloquio con Miguel Anxo Seixas Seoane, presidente da Fundación Castelao.
O 27 de novembro cúmprense dez anos do pasamento de Neira Vilas. Con este motivo, a fundación convida aos seus lectores e amigos a un novo encontro literario na sede da Casa do Romano. Destavolta, asistirá Xesús Alonso Montero para presentar Correspondencia 1965-2014, un bo feixe de cartas que intercambiaron Neira Vilas e o citado Alonso e que está agora a disposición do público lector grazas ao volume publicado por Galaxia. Tamén intervirá o escritor, xornalista e anterior presidente da Real Academia Víctor Freixanes.