Un ano máis, con motivo do Día das Escritoras, a Fundación Xosé Neira Vilas rende homenaxe a Anisia Miranda, unha das fundadoras desta entidade e primeira vicepresidenta da mesma. A fundación únese deste xeito á iniciativa da Biblioteca Nacional, de maneira que o 16 de outubro terá lugar unha ofrenda floral no cemiterio de Gres, acompañada da lectura pública de diversos textos literarios, tanto da propia Anisia Miranda como doutras escritoras, incluíndo neste último caso as propostas polas Bibliotecas Escolares de Galicia, como tamén pola Biblioteca Nacional. Haberá así ocasión de escoitar textos escritos nas catro linguas do Estado.
Nesta edición do Día das Escritoras, a Biblioteca Nacional propón unha celebración da escritura dende a expresión do gozo, a ledicia e a risa, que tantas veces ten sido motivo de tabú para mulleres educadas na abnegación, o comedimento e o silencio.