Benvido á Web da Fundación Xosé Neira Vilas   Click to listen highlighted text! Benvido á Web da Fundación Xosé Neira Vilas Powered By GSpeech

¡Atención! Este sitio usa cookies e tecnoloxías similares.

Se non cambia a configuración do seu navegador, vostede acepta o seu uso. Saber máis

Acepto

O auditorio Neira Vilas da Cidade de Cultura foi o escenario esta tarde dun dobre acto literario organizado pola Fundación que leva o nome do autor de Memorias dun neno labrego: a entrega do premio Arume a Antón Cortizas polo poemario Os versos da Mariola. O autor galardoado non puido acudir á entrega por motivos de saúde e recolleu o premio no seu nome Miguel Toval, de Edicións Embora, que publicará o texto premiado. Por outro lado, tivo lugar a presentación dos libros premiados na edición de 2021: Violeta Parapluie, de Ramón D. Veiga, e A flor da letra, de Manuel López Rodríguez, gañadores da edición anterior.

entrega premio arume 2022

O premio Arume, o único en Galicia dirixido especificamente á infancia, é unha iniciativa conxunta da Fundación Xosé Neira Vilas, a empresa Deleite (do grupo Leite Noso), unha empresa galega recoñecida polo seu compromiso con todas e cada unha das actividades e proxectos vencellados á cultura e a lingua galega, e GÁLIX, sección galega da OEPLI (Organización Española para el Libro Infantil y Juvenil) e representación do ámbito lingüístico galego no IBBY (International Board on Books for Young People).

SOBRE A OBRA PREMIADA E O SEU AUTOR

Os versos da mariola reivindica o xogo tradicional a través da poesía, unha sorte de brincadeira coa palabra poética como vehículo para achegarse a un encontro entre a rapazada, máis alá da tecnoloxía ou as pantallas que predominan no tempo de vagar da infancia de hoxe en día. Trátase dunha proposta lúdica, atraínte por orixinal e pola riqueza da linguaxe. Así o salientou o xurado, composto por Xosé Antonio Perozo, presidente de GALIX, Rosalía Morlán e Pilar Sampedro, en representación, ambas as dúas, da Fundación Xosé Neira Vilas.

Antón Cortizas conta cunha traxectoria ampla e sólida no mundo da literatura infantil e xuvenil. En 1988 obtivo o Premio Barco de Vapor por Memorias dun río, galardón que recibiu de novo en 1995 con Os gritos das illas Lobeiras. A merla de trapo gañou o Premio Merlín 2001; Incrible invento de Solfis, a pianista, acadou o Premio da Mostra de Teatro Xeración Nós en 1994, e Xogando con gatos o Premio Manuel María de Literatura Dramática Infantil en 2014. Ademais, ten destacado no eido da investigación arredor dos xogos tradicionais (tema do poemario agora premiado), como autor de Tastarabás. Enciclopedia de brinquedos tradicionais e uso lúdico da natureza, Premio Rosalía de Castro á Iniciativa Editorial 2013 e Premio Losada Diéguez de Investigación 2014.

PRESENTACIÓN DAS OBRAS PREMIADAS NA EDICIÓN 2021

No acto presentáronse tamén os poemarios galardonados o ano anterior: Viloleta parapluie, de Ramón D. Veiga, e A flor da letra, de Manuel López Rodríguez, cuxa edición está a cargo de Embora, que xa se ocupa de levar ao prelo as obras gañadoras do Premio Xosé Neira Vilas de Novela Curta.

Violeta parapluie é un libro divertido e provocador no que se busca a risa pola extravagancia e a complicidade das rapazas e dos rapaces. Pola súa parte, A flor da letra constitúe unha singular homenaxe á poesía establecendo un diálogo con poetas relevantes da literatura galega.

Click to listen highlighted text! Powered By GSpeech