Benvido á Web da Fundación Xosé Neira Vilas   Click to listen highlighted text! Benvido á Web da Fundación Xosé Neira Vilas Powered By GSpeech

¡Atención! Este sitio usa cookies e tecnoloxías similares.

Se non cambia a configuración do seu navegador, vostede acepta o seu uso. Saber máis

Acepto

Os versos da mariola reivindica o xogo tradicional a través da poesía, unha sorte de brincadeira coa palabra poética como vehículo para achegarse a un encontro entre a rapazada, máis alá da tecnoloxía ou as pantallas que predominan no tempo de vagar da infancia de hoxe en día. Trátase dunha proposta lúdica, atraínte por orixinal e pola riqueza da linguaxe. Así o salientou o xurado, composto por Xosé Antonio Perozo, presidente de GALIX, Rosalía Morlán e Pilar Sampedro, en representación, ambas as dúas, da Fundación Xosé Neira Vilas. O Premio Arume é unha iniciativa conxunta da Fundación Neira Vilas, a empresa Deleite e a asociación GALIX, con Embora como empresa editora dos libros premiados. A entrega do premio terá lugar no auditorio Xosé Neira Vilas da Cidade de Cultura o 16 decembro ás 18.00 h.

foto Anton Cortizas

 

Antón Cortizas conta cunha traxectoria ampla e sólida no mundo da literatura infantil e xuvenil. En 1988 obtivo o Premio Barco de Vapor por Memorias dun río, galardón que recibiu de novo en 1995 con Os gritos das illas Lobeiras. A merla de trapo gañou o Premio Merlín 2001; Incrible invento de Solfis, a pianista, acadou o Premio da Mostra de Teatro Xeración Nós en 1994, e Xogando con gatos o Premio Manuel María de Literatura Dramática Infantil en 2014. Ademais, ten destacado no eido da investigación arredor dos xogos tradicionais (tema do poemario agora premiado), como autor de Tastarabás. Enciclopedia de brinquedos tradicionais e uso lúdico da natureza, Premio Rosalía de Castro á Iniciativa Editorial 2013 e Premio Losada Diéguez de Investigación 2014.

Nesta nova etapa dos premios Arume, o único en Galicia dirixido especificamente á infancia, a Fundación Xosé Neira Vilas suma esforzos con Deleite, unha empresa galega recoñecida polo seu compromiso con todas e cada unha das actividades e proxectos nos que a combinación sexa cultura / lingua galega – infancia / xuventude. No tocante a GÁLIX, sección galega da OEPLI (Organización Española para el Libro Infantil y Juvenil) e representación do ámbito lingüístico galego no IBBY (International Board on Books for Young People), ten entre as súas finalidades a “visibilización” do libro infantil e xuvenil en galego.

Click to listen highlighted text! Powered By GSpeech