Benvido á Web da Fundación Xosé Neira Vilas   Click to listen highlighted text! Benvido á Web da Fundación Xosé Neira Vilas Powered By GSpeech

¡Atención! Este sitio usa cookies e tecnoloxías similares.

Se non cambia a configuración do seu navegador, vostede acepta o seu uso. Saber máis

Acepto

 O xurado da sétima edición do Premio Xosé Neira Vilas de Novela Curta decidiu por unanimidade, conceder o galardón á obra Cristais rotos, de Álvaro Domínguez. O xurado, composto por Juan Andrés Fernández, Rosalía Morlán e Armanda Requeixo, argumentou a súa decisión na forza narrativa dun relato que mergulla ao lector nas vivencias duns personaxes que beirean a traxedia, que profundan nas luces e sombras dunhas vidas golpeadas polo destino. Asimesmo, salientou a habelencia na orquestración estrutural da obra, na que conflúen tramas alternas e complementarias, escritas cunha prosa brillantemente perfilada de diálogos áxiles e cheos de verosimilitude.

Foto Alvaro Dominguez

O galardón será entregado o mércores, 3 de novembro, nun acto público na sede da Fundación Xosé Neira Vilas en Gres (Vila de Cruces), que comezará ás 18.30, e que coincide coa conmemoración do Día do Lector e da Lectora. O Día de Neira Vilas contempla tamén nesta ocasión a inauguración dunha exposición coas ilustracións realizadas pola artista plástica Belén Rodríguez Pazo para O cabaliño de buxo, que o escritor de Gres dera a coñecer en 1971 e da que agora se ofrece unha reedición na colección Árbore de Galaxia

No tocante ao gañador desta edición, Álvaro Domínguez estreouse no medio impreso formando parte da antoloxía Lo que no se dice, da editorial Dos Bigotes. Foi un dos finalistas do premio Cosecha Eñe 2017 convocado pola revista Eñe. Ese mesmo ano recibe o premio Tandaia por Veintitantos problemas, a súa primeira novela publicada en castelán. Despois de cursar o Máster de Edición Universidad Autónoma de Madrid-Taller de Libros traballou no mundo editorial en calidade de lector de manuscritos, corrector, tradutor e tamén en prensa. Historiador do Arte de formación, na actualidade dedícase ao ensino.

 

Click to listen highlighted text! Powered By GSpeech