O obxectivo do certame é estimular a creación literaria, fomentar a lectura en lingua galega e proporcionar ao público infantil, xuvenil e adulto obras de calidade que o acheguen aos mundos da ficción e a imaxinación da novela.
O prazo de presentación de orixinais pecha o vindeiro 9 de outubro e o premio entregarase o 3 de novembro, coincidindo co aniversario do nacemento de Xosé Neira Vilas.
O galardón está dotado con 1000 euros e a publicación do traballo gañador a cargo de Edicións Embora.
Diario de Brian, o chinés, de David Daniel Vázquez Álvarez, foi a novela galardoada na primeira edición, unha historia protagonizada por adolescentes que viven experiencias que cambiarán as súas vidas. Na segunda edición, o premio recaeu en An Alfaya por O home de negro, unha sorprendente proposta metaliteraria e autorreflexiva coa que experimentar unha lectura altamente suxestiva. O xornalista da TVG Pedro Rielo gañou a edición de 2019 con Detrás dos perdidos, un relato no que descubrir que a aventura e o misterio poden atoparse alí onde menos o agardamos. A última obra galardoada foi Esca, de Antonio Piñeiro, un relato que evoluciona en espiral creando unha atmosfera e un clima de tensión narrativa, que destaca tamén pola súa ambición estética, prosa lírica e riqueza léxica.
Os catro libros premiados están a disposición de lectores e lectoras en Edicións Embora.