Volven os Encontros Literarios en Gres con Miguel Anxo Fernández
- Detalles
O novelista Miguel Anxo Fernández será o primeiro convidado nesta nova xeira
A Fundación Xosé Neira Vilas retoma os Encontros Literarios en Gres coa presenza do historiador, crítico cinematográfico e novelista Miguel Anxo Fernández. O encontro terá lugar o domingo 26 de xuño ás 19.00 horas na Casa do Romano, sede da Fundación en Gres.
Miguel Anxo Fernández ten destacado como autor de novela negra, xénero ao que se adscriben as seis entregas que saíron á luz ata o de agora. Da primeira delas, Un nicho para Marilyn (Premio Manuel García Barros 2002), cúmprense precisamente agora vinte anos. Logo virían, Luar no inferno (2006), Tres disparos e dous friames (2008), Lume de cobiza (2011), Bícame, Frank (2013) e Un dente sen cadáver (2016). Todas elas están protagonizadas polo detective Frank Soutelo, un detective californiano de orixe galega, e todas están publicadas pola Editorial Galaxia. Para o próximo outono está prevista a saída do novo título da serie: A conxura dos sete.
María Canosa, premio Anisia Mirada de Teatro para a Infancia, coa obra “Travesía unicornio”
- Detalles
Travesía unicornio, gaña esta primeira edición do galardón convocado pola Fundación Xosé Neira Vilas en colaboracion coa Secretaría Xeral de Cultura da Xunta de Galicia. A obra premiada, que presenta un alto valor literario como unha das súas primeiras cualidades, parte dunha situación moi teatral para pór en escena unha peza que se vai desenvolvendo cara o absurdo. Cómpre salientar, á súa vez, o tratamento levado a cabo do valor da amizade, abordado con profundiade e sen dogmatismos, como tamén se pón o acento sobre a condición de xénero, a identidade ou o valor da diferenza na caracterización feita dos personaxes. Estes son algúns dos trazos máis salientables de Travesía unicornio, a xuízo dun xurado composto por Dolores Vilavedra, Pilar Sampedro e Miguel Anxo Fernán Vello, que tomou a decisión por unanimidade sobre un total de vinteún orixinais presentados ao certame.
Fotografía de Santiago Garrido
Ramón D. Veiga e Manuel López recolleron os Premios Arume de Poesía para a Infancia
- Detalles
Ramón D. Veiga, por Parapluie, e Manuel López Rodríguez, por A flor da letra, recolleron o 17 de decembro en Santiago os galardóns do Premio Arume de Poesía para a Infancia que promoven conxuntamente a Fundación Xosé Neira Vilas, a asociación GÁLIX e a empresa Deleite. Os libros premiados nesta edición serán editados por Edicións Embora.