XOSÉ NEIRA VILAS, AUTOR DO DÍA DAS LETRAS GALEGAS 2027
- Detalles
Dende a Casa do Romano, en Gres, a Fundación Xosé Neira Vilas quere trasladar á Real Academia Galega o cordial sentimento de gratitude pola decisión de homenaxear ao autor de Memorias dun neno labrego no Día das Letras Galegas 2027.
Mentres agardamos que chegue 2027, seguimos a celebrar o ano de Begoña Caamaño, unha escritora nova que, ao igual que Neira tamén fixo todo o posible pola lingua e a cultura do país, dende a literatura, o xornalismo e a reivindicación social.
Asumimos con agrado aquilo que para a nosa entidade acada unha nova dimensión: o compromiso e a responsabilidade. O compromiso no uso e defensa da lingua galega, que o autor de Gres mantivo durante toda a súa vida, que sempre practicou e que xa figura na dedicatoria daquel libro primeiro de 1961. A responsabilidade de traballar na salvagarda e a difusión do legado literario de Neira Vilas, e tamén de Anisia Miranda, a súa compañeira de vida, pero, sobre todo, a escritora e pedagoga que xenerosamente se uniu á causa da cultura galega e que, como cubana e castelanfalante, adoptou o galego na súa propia creación literaria.
Raquel Castro Martínez, Premio Anisia Miranda de Teatro para a Infancia
- Detalles
Perdendo o norte, gaña a quinta edición do galardón convocado pola Fundación Xosé Neira Vilas en colaboracion coa Dirección Xeral de Cultura da Xunta de Galicia. O texto gañador destaca, en opinión do xurado, pola esmerada explotación dunha situación teatral maxistralmente construída e levada ata o absurdo. residente

O acto de entrega do galardón terá lugar na sede da Fundación Xosé Neira Vilas, en Gres, o 24 de maio ás 18:00 h., nunha xornada na que se presentará o libro premiado na edición de 2024: Os dedos e o monstro, de Francisco Antonio Vidal.
Álvaro Domínguez, Premio Xosé Neira Vilas de Literatura Xuvenil, e Irene Rega, finalista
- Detalles
Ensino para místicas, de Álvaro Domínguez, é a obra gañadora do II Premio Xosé Neira Vilas de Literatura Xuvenil, que convocan a Fundación Xosé Neira Vilas e a editorial Galaxia, co apoio da Secretaría Xeral de Lingua da Xunta de Galicia. A novela, que destaca por recrear un hipnótico e escintilante mundo fantástico, sitúa a trama nunha escola de maxia na illa de Tambo dende unha lectura en clave feminista.
Álvaro Domínguez, nacido en Pontevedra en 1986 e residente en Madrid, onde se dedica á docencia, cursou o Máster de Edición da Universidade Autónoma de Madrid, traballou no mundo editorial como lector de manuscritos, corrector e tradutor. Como creador publicou relatos en varios portais dixitais. Na etapa anterior do Premio Neira Vilas, obtivo o galardón en 2022 coa novela Cristais rotos, editada por Embora.



